Rihla

A riḥla (en árabe, رحلة) é un xénero literario clásico da literatura en lingua árabe que consiste no relato dunha viaxe. A palabra rihla, que propiamente significa «viaxe por etapas», designa tanto a viaxe como a posterior crónica da mesma.

O xénero aparece no século XII no occidente do mundo islámico: o Magreb e Al-Ándalus. Os seus creadores son persoas que viaxan cara a Oriente por diversas razóns e que, ao volver, dado o tempo e complexidade deste tipo de viaxes, deixan plasmadas as súas vivencias e observacións nunha crónica, para gozo e instrución dos seus concidadáns ou dalgunha autoridade local. As razóns máis frecuentes dos viaxes eran o hajj ou peregrinación ritual á Meca, as viaxes de estudos a algún dos grandes centros do coñecemento do oriente musulmán (O Cairo, Bagdad ou Damasco, principalmente), o comercio a larga distancia ou a simple ansia de aventuras, que leva aos viaxeiros máis ao leste, a Persia, Khorasán, a India e a China, o tamén cara ao Cáucaso e Rusia.

A rihla de orixe magrebí ou andalusí enmárcase dentro dunha ampla corrente viaxeira árabe oriental, que dá os seus correspondentes froitos literarios. O califato abbasí fixo un grande esforzo por comunicar distintas rexións do imperio, desenvolvendo entre outras cousas un sofisticado sistema de correos. Este desenvolvemento das comunicacións levou consigo un interese pola xeografía descritiva e, polo tanto, polas exploracións, así como un desenvolvemento comercial.

Os viaxeiros máis coñecidos son:

  • Abu Hamid al-Garnati, granadino, como indica o seu nome (1080-1169). Percorreu o norte de África, Siria, Iraq, Persia, Transoxiana e o sur e centro de Rusia. A súa crónica titúlase Tuhfat al-albab («Regalo dos corazóns») e é o principal representante da cosmografía popular da época.
  • Ibn Yubayr, valenciano de Xàtiva (1145-1217), escribiu unha rihla que ten grande importancia debido tanto aos seus datos etnográficos ou históricos como á súa calidade literaria. Realizou tres viaxes a oriente: na primeira (1183-1185) chega á Meca pasando por Exipto e visita tamén Siria, Iraq, Palestina e Sicilia; volveu a oriente tras a toma de Xerusalén por Saladino, nunha viaxe que durou tamén dous anos. Bastante tempo despois, en 1217, emprende unha terceira viaxe, con destino A Meca, pero falece en Alexandría.
  • Ibn Battuta é o viaxeiro máis célebre, así como a súa rihla. Tanxerino (1304-c. 1368), emprendeu viaxe en xuño de 1325 con intención de realizar a peregrinación á Meca. Chegou á cidade santa tras percorrer todo o norte de África, Exipto, Palestina e Siria, e desde alí volveu a poñerse en marcha percorrendo de novo Iraq, Khucestán, Curdistán, Tabriz e Fars. Volveu á Meca e residiu nela durante tres anos, para visitar logo o sur de Arabia, regresar á Meca, emprender viaxe a Exipto, Siria, a península de Anatolia, Rusia do sur e finalmente Constantinopla. Tras unha estancia na cidade bizantina percorre os territorios da Horda de Ouro, dirixíndose cara ao leste até chegar ao val do Indo en setembro de 1333. Residiu na India e en Maldivas dez anos e logo seguiu a viaxe polo oriente: Sri Lanka, Bengala, China... En 1347 emprende o camiño de regreso e chega a Fez en novembro de 1349. Fará aínda outras dúas viaxes: unha a Al-Ándalus e outra cara a Níxer.

Developed by StudentB